Lorenzo Bescansa

Desde 2005, Lorenzo Bescansa elabora o seu viño branco, con cepas de Branco Lexítimo, en terras de Betanzos e sobre as ribeiras dos ríos Mandeo, Mendo e Marulo. O Branco Lexítimo, verdadeira xoia que empeza agora a descubrirse, combínase sobre o terreo con Agudelo e Serradelo.

Adegas Lorenzo Bescansa posúe a maior plantación en Galicia de clons autóctonos da variedade Branco Lexítimo. De feito, revélase como a primeira adega de Betanzos que elaborou Branco Lexítimo e Agudelo.

Desde aqueles inicios, alá por 2005, continúan sendo unha pequena empresa, moi persoal, moi pegada á terra e ao país, con elaboracións artesás tanto en campo como en adega.

Se artesanía significa coidado persoal, atención aos detalles, gusto polo ben feito, neste caso cómpre sumar formación, rigor técnico e coñecemento científico. Ter á fronte da adega a un experto enxeñeiro agrónomo, titulado pola Politécnica de Madrid, garante ese punto que explica as calidades especiais dos seus viños.

As mans de Lorenzo Bescansa tratan estas viñas co amor de quen, traballando como asesor externo para adegas de toda Galicia e para o CSIC, garda aquí o seu propio recuncho íntimo.

O seu branco ten un 85% da variedade Branco Lexítimo e un 15% de Agudelo, cunha gradación de 12º. Vinifícase a temperatura controlada e non se somete a procesos de fríos nin de estabilización, razón pola que poden atoparse sedimentos. En cata, trátase dun branco novo, con certa complexidade e frescura vertebrada por unha excelente acidez e largura. A produción aproximada é dunhas 5.300 botellas.

Lorenzo Bescansa

  • Persoa de contacto: Lorenzo Bescansa
  • Teléfono: 657924136
  • Enderezo electrónico: adegasbescansa@gmail.com
  • Enderezo: Caraña do Medio, s/. 15300 Betanzos