eiriñas de Uz é a idea concibida por dous licenciados en Bioloxía dun xeito de cultivo baseado no respecto á natureza. Conxúganse aspectos que van desde residuo cero, uso responsable da auga, economía circular, alcanzar un máximo de biodiversidade que permita que o sistema agrario sexa sostible e capaz de autoregularse e ter pegada de carbono negativa grazas ao uso do Sol como fonte de enerxía.
Na súa finca cultivan especies do mundo, o que supón un intenso traballo previo de coñecemento sobre a súa bioloxía e maneira de cultivo para adaptalo ás características xeográficas do norte de Galicia. Pretenden dar un paso máis alá da certificación ecolóxica, con bioestimulantes e biocidas de produción propia e cultivando unicamente líñas puras.
Leiriñas de Uz nace como un proxecto de autoemprego co obxectivo de obter alimentos saudables e diferentes sen usar ningún produto prexudicial para as persoas nin para o medio ambiente.
Xurde así a explotación afincada na parroquia de Mondego (concello de Sada), dedicada á produción hortícola ecolóxica.
A explotación dispón de preto de 4.000 m2 de superficie dispoñible dedicada a un amplo abano de variedades hortícolas. Todo elo apoiado coa infraestrutura baixo abrigo proporcionada por dous invernadoiros tipo túnel de 300 m2 cada un deles.
A comercialización atópase centrada na restauración, fundamentalmente da cidade da Coruña, realizando tamén ventas a particulares.