FINCA O CASTELO

O

 

Castelo é un promontorio a carón do mar no pobo de Palmeira – A Coruña, onde ata mediados do século XV erguíase unha fortificación que foi derrubada nunha das Revoltas Irmandiñas por Pedro Madruga. Hoxe en día, no alto desas pedras érguese a estatua do emigrante que simboliza a diáspora do pobo galego. Desta maneira José Antonio, o titular de Finca O Castelo, quere conservar as súas raíces nesta aventura emprendida no concello de Abegondo.

Finca o Castelo nace cun obxectivo fundamentado na inquedanza de sacar da terra alimentos saudables sen usar ningún produto prexudicial para as persoas nin para o medio ambiente.

Xurde así a explotación afincada na parroquia de Leiro (concello de Abegondo), dedicada á produción hortícola e froiteira.

En Finca O Castelo procúrase levar adiante unha agricultura sostible e orgánica, intentando ser autosuficientes. Recíclanse os restos orgánicos da finca (material de desbroce, restos de poda, excedentes de produtos) para elaborar compost co que abonar a terra, reutilizando o máximo posible e evitando consumir novos recursos:

  • Utilízanse exclusivamente abonos orgánicos procedentes de explotacións do contorno.
  • Foméntase a instalación de refuxios de fauna útil para contribuír á biodiversidade a ao control natural de pragas dos cultivos.
  • Promóvense as asociacións de cultivos para o máximo respecto á terra e para o control de pragas e enfermidades.
  • Non se utilizan produtos químicos de síntese.

A explotación dispón de preto de 6.000 m2 de produción ao aire libre (repartida entre os concello de Abegondo e Culleredo) dedicada a un amplo abano de variedades hortícolas xunto a unha representación de árbores froiteiras como maceiras, cerdeiras, pereiras, cítricos e froitas de oso. Todo elo apoiado cunhas pequenas infraestruturas baixo abrigo (arredor de 60 m2) fundamentalmente dirixidas a semilleiros e á produción de plántula propia.

A comercialización atópase centrada en entregas a domicilio para clientes particulares do entorno da Reserva de Biosfera e da cidade da Coruña. Todas as semanas publícase a dispoñibilidade de produto e os pedidos son recibidos por teléfono, whatsapp ou correo electrónico.

Finca O Castelo